|
Chega o triste día da despedida, cómpre preparar todo para a viaxe. É venres, cedo, moi cedo. Imos levantando o niño no que se agochan os dez habitantes da gaiola laranxa pensando que en calquera momento pode chegar o transportista. Non hai tempo que perder, o primeiro é dispor tódolos ratiños nos transportíns nos que chegaron as dúas parellas de ratiños hai case dous meses.
Co movemento no niño comezan a asomar os animaliños, correndo por toda a gaiola, semella que sinten algo. De súpeto, algo pequeno asoma entre o papel, algo sorprendente. Non é que non houbera sospeitas, pero non o agardábamos. Hai unha nova camada. Geribranda e Dostoievski volveron a facelo. Cinco novos pinkies aumentan a descendencia da parella protagonista. Un agasallo que quixeron deixar antes de se marchar. Máis datos para o noso estudo, para a experiencia de todos.
Non podiamos deixalos marchar así, a viaxe recén nados podería ter fatais consecuencias. Decidimos pois que quedaran connosco un par de semanas máis, tranquilos, eles cinco e os seus proxenitores soíños, quediños porque o teñen ben gañado. E nos ledos de ver outra vez como os segredos da transmisión xenética vanse clarexando da man da estatística, como as hipóteses van tomando corpo para se convertir en leis. Unha leis que uns pequenos ratos foron quen de nos ensinar.
|