|
Despois de ter actuado para nós, o actor Carlos Blanco tivo a ben respostar ás nosas preguntas.

Por que se decidiu por esta profesión?
Supoño que é iso que chaman vocación. Empecei a estudar Arquitectura na Coruña, pero souben pronto que non era o meu. Ao fin, e logo de traballar na radio moitos anos, atopei aquilo que me facía sentir libre e feliz. Son un privilexiado; fago o que me gusta.
Que é o que máis lle gusta do seu traballo?
A liberdade. O silenzo nos teatros, as risas da xente... ser útil; non sei, poder dicir o que penso. Tamén o aplauso é bonito, pero non é o principal.
Cal e cómo foi a súa primeira actuación?
Carai que difícil!. A primeira da que teño memoria foi na parroquia, nun festival en Vilagarcía. Contei un chiste, e lembro perfectamente cal foi e o que dixen. Supoño que me quedou gravado. Non me pidades que o repita; foi iso tan só, un chiste. Pero gusto, iso sí.
Como se sentiu a primeira vez que actuou?
Pois non me lembro moi ben diso, nin tampouco da roupa que levaba. Tería seis anos ou así; fai moito tempo.
Traballou de actor, de guionista, de presentador, de humorista.... Con que oficio se sente máis a gusto?
Esta pregunta sempre cae nestes exames. Pois síntome a gusto no medio que sexa, sempre que teña liberdade, medios e poida traballar con amigos. Iso é o importante. E cobrar, claro.
Como presentador, cal foi o seu traballo máis importante?
O máis importante en qué sentido? Para mín? Para o público? Como o medimos? Por cantidade de audiencia? Eu sentinme feliz e honrado moitas veces, pero lembro especialmente unha Gala que presentei en homenaxe a un grande músico portugués chamado Jose Afonso. Emitiuse na TVG e na televisión pública portuguesa. Foi unha honra e coido que quedou moi ben, disimulade a presunción. Pero só por citar un caso; hai outros moitos trabals dos que estou contento. De outros non tanto, clar...
Que é o que máis lle gusta de ser humorista?
Que se gaña pasta, a verdade. E que eu decido a miña axenda. Traballo bastante cando me peta, cousa que é unha sorte. Digo "non" moitas veces; procuro ser selectivo. E ademáis facer rir é un don que se ten ou non se ten. Non é doado. Pero cando che veñen dar as grazas porque riron e o pasaron ben, sénteste recompensado.
Como chegou a facer monólogos?
Falando, falando...
Onde fixo o seu primeiro monólogo?
En privado supoño que mil veces, falando só ou pensando. En público e cobrando, foi nun pequeno bar de Santiago chamado ATLÁNTICO, onde aínda actúo de cando en vez.
Cal cre que é o seu mellor monólogo?
O que farei algún día, espero, se a saúde me axuda.
Como prepara as súas actuacións? De onde saca a inspiración, as ideas, para os monólogos?
Dóulle mil voltas á cabeza e despois deixo que as ideas flúan. As ideas aparecen por todas partes; o humor está no punto de vista que ten que ser diferente do convencional; a ollada do/da humorista debe ser inxeniosa, pouco tópica e, por forza, un pouco superficial.
Enterámonos de que "sae" nunha película que está a piques de se estrear ("O Apóstolo"). Que lle pareceu a experiencia? Pasouno ben? Que lle pareceu dar voz a un boneco que é coma un?
O bonito deste proxecto é que non se trata tan só de darlle voz a un boneco. Neste caso de "O Apóstolo" os actores e actrices démoslle corpo, vida, interpretamos de verdade. Fomos filmados e despois os/as animadoras (xente de todo o mundo, grandes profesionais que traballaron en filmes como "Coraline" ou "A noiva cadavre") adaptaron o noso traballo á linguaxe da animación. Foi precioso facelo e aínda máis bonito velo. Tamén tiven a sorte de velos traballar, de ver os decorados, pequenas marabillas, de verdade.... Xa me tarda poder vela. Faime moita ilusión.
Ten algún traballo en mente para este ano ou para os anos vindeiros? Ten algún proxecto para o futuro?
Teño varios proxectos, sí. O inmediato é comezar os ensaios do meu novo espectáculo que se titulará "ORDEM E PROGRESO" no que actuarei con tres grandes músicos brasileiros que viven en Galicia. Tamén ando ás voltas con cousas para o cine e Televisión, pero diso, se queredes, fálovos outro día... En canto a proxectos para o futuro, son máis ben proxectos para o presente: disfrutar da vida todo o que poida.
|