Graos de Corvo ~ IES "A Sardiñeira"

Engade un novo comentario
 
Entrar na oficiña do editor
Usuarios en liña: 2 (0 sesión iniciada)




 Grazas ao esforzo desinteresado de milleiros de persoas e sin contar con ningunha subvención oficial, o galego ten unha presenza na Rede moito máis elevada que nos medios de difusión tradicionais.

A Galipedia (a Wikipedia en galego), creada no 2003 por un internauta (Ilvi), conta xa con 56.000 artigos e está no posto 41 entre os 272 idiomas empregados. Hoxe ten 17.000 usuarios rexistrados, pero o primeiro galego en rexistrarse foi un profesor de Física, Agremon, que agora forma parte da ducia de administradores que coordinan a edición en galego. Outro dos seus administradores, un ourensán residente en Escocia, é  Xabier Cid:

“Pode parecer fachendoso, pero a Galipedia ten máis calidade que as versións española ou portuguesa, pola sinxela razón de que é máis doado controlala. Retirar da Galipedia un artigo que aseguraba que en Curtis había tres lugares con nomes de Pokemon foi doado. Retiralo da Wikipedia en inglés foi moito máis traballoso”

A rede social Facebook tamén está traducida ao galego. Juan Lens, un arquitecto que vive en Burdeos (Francia) foi dos primeiros en pórse a traducir Facebook. Hoxe traballan 172 tradutores activos (estudantes e profesionais) que levan uns 45.000 traducións. E, en Twiter o galego está entre os 20 idiomas máis usados.

Este traballo altruista non só é desenvolvido por particulares. Tamén o practican empresas como “Algueirada” (soporte de Blogaliza, a comunidade de blogs que agrupa a 2.800 das 9000 bitácoras que se estima existen en galego) ou a “Navalla Suiza” que apenas hai un mes puxo en marcha “EuFalo.TV”, e que dende o seu lanzamento xa leva case 48.000 visitas e conta con 579 usuarios rexistrados. O seu coordinador, Berto Yáñez, un viveirense de 31 anos, asegura:

“Facer cousas pola comunidade supón crear riqueza, directa e indirectamente. Un exemplo claro é o software libre. Todo ese traballo feito gratuitamente ao longo dos anos derivou en moreas de empregos”

Todo este esforzo iniciado a principios dos 90 coa creación de “Ciberimandade da Fala”, é o que fai posible que hoxe existan aplicacións informáticas que se traducen antes ao galego que ao francés ou ao alemán.

 

 

 

Visitantes:348
Puntuación: (1 avaliadores)
Data de creación:02/28/10
Derradeiro troco:02/28/10
Puntuar este artigo:
De momento ningun comentario.
Impressio eJournal © 2013 Graos de Corvo ~ IES "A Sardiñeira" Conmutar ó nivel de Biblioteca